Como funciona
O bot de Ramón Otero Pedrayo é un axente conversacional que ten por obxectivo facilitar o acceso ao usuario do amplo corpus biográfico, documental, autoral e biográfico de Ramón Otero Pedrayo.
Para o seu funcionamento o bot nútrese de diferentes capas de contido, como a propia obra de Ramón Otero Pedrayo, estudos e biografías sobre o autor e unha capa de contexto que mellora a comprensión que ten o bot do seu contorno vital e xeográfico. A obra de Ramón Otero Pedrayo foi cedida para este uso limitado pola Editorial Galaxia, e combínase co fondos do Consello da Cultura Galega e outras fontes.
Imaxina sentar a falar con Ramón Otero Pedrayo. Preguntarlle pola súa Ourense natal, polos amigos da súa vida —Risco, Castelao, Cuevillas—, polas paisaxes que tanto amou ou polo seu xeito de entender Galicia. Ese é o propósito deste proxecto que o Consello da Cultura Galega prepara para o Ano Otero Pedrayo 2026.
Trátase dun acompañante de conversa que responde coa propia voz do escritor, en primeira persoa, como se el mesmo nos atendese. Detrás de cada resposta hai un enorme labor de lectura: recolléronse os seus libros, os seus contos, as súas guías de viaxe, a correspondencia cos amigos e tamén o que os estudosos escribiron sobre el. Todo ese saber organizouse coidadosamente para que, cando alguén pregunta, o escritor poida contestar con fidelidade ao que de verdade pensaba, dixo ou viviu.
O proxecto distingue sempre entre o que Otero afirmou de seu e o que outros lle atribuíron, para non poñer na súa boca palabras alleas. Ademais, lembra o fío da conversa: se volves outro día, retoma onde o deixaches. E ofrece un mapa das súas afeccións e amizades para que cada quen escolla por onde achegarse á súa figura.
Como funciona por dentro O sistema constrúese sobre unha base de coñecemento estruturada que parte das obras de Otero e dos estudos sobre el. Cada texto descomponse en pequenas unidades de información —feitos, opinións, lembranzas, gustos ou relacións— vinculadas ás entidades que aparecen (persoas, lugares, conceptos) e clasificadas por grandes temas. Esa base aliméntase a un buscador de texto completo que, ante cada pregunta, localiza en milisegundos os fragmentos máis pertinentes do corpus, sen depender da memoria do modelo nin inventar contidos. Eses fragmentos recuperados inxéctanse despois nun modelo de linguaxe que redacta a resposta na voz en primeira persoa do escritor, sempre ancorado no material atopado. O sistema é capaz de propoñer só aquilo que pode responder, encadear conversas sucesivas lembrando o xa tratado e afondar nun tema descartando os pasaxes xa vistos. Toda a infraestrutura —servidor, base de datos e interface— é lixeira e autónoma, pensada para funcionar de forma estable e sostible no aloxamento do propio Consello.